Tuesday 30 de April de 2024

O Concello organiza contacontos nos barrios cos personaxes de Emilia Pardo Bazán e Sir John Moore como protagonistas


Os participantes recibirán tíckets regalo cambiables por actividades no Pobo de Nadal de María Pita

O Concello, a través da Concellaría de Participación Cidadá que dirixe Luisa Cid, organizará, entre o 22 e 30 de decembro, sesións de contacontos para estender o coñecemento da cidade entre os nenos, a través de historias e contos infantís da man de personaxes históricos estreitamente vinculados á cidade como a escritora Emilia Pardo Bazán e o xeneral Sir John Moore.
Nos talleres poderán participar nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e as sesións, que son gratuítas, celebraranse nas vacacións de Nadal e en diversos barrios. O Concello oferta un total de 210 prazas distribuídas en sete talleres con capacidade para 30 nenos. Ademais, os que participen recibirán vales regalo para cambiar nas actividades do pobo de Nadal.
Cada sesión de contacontos consistirá en dous relatos ambientados en diferentes épocas da cidade, onde se buscará a participación activa dos máis pequenos, e se ofrecerá unha pequena merenda.
A inscrición deberá facerse utilizando o formulario dispoñible nos distintos rexistros municipais nos que tamén deberá entregarse. O prazo de admisión de solicitudes finalizará o próximo mércores, 17 de decembro. Se quedasen prazas libres, os nenos tamén poderán apuntarse o mesmo día da celebración do contacontos no centro onde se celebra.
O calendario e os horarios son os seguintes:
Día 22 de decembro: praza do mercado de Monte Alto (de 10.00 a 13.30 horas).
23: Centro de Participación Cidadá do Birloque (10.00 a 13.30 horas).
24: Local veciñal do mercado de Palavea. (10.00 a 13.30 horas).
26: Centro veciñal de Feáns (16.30 a 19.30 horas).
27: Casa da Auga (10.00 a 13.30 horas).
29: Centro veciñal Grupo de Pescadores (16.30 a 19.30 horas).
30: Centro asociativo Ramón Cabanillas (10.00 a 13.30 horas).
Os interesados en recibir máis información pódense poñer en contacto co servizo telefónico do 010.